Saturday 20 de April de 2024

As demandas veciñais para o arranxo integral da estrada de Fontán serán levadas a pleno polo BNG


A estrada que une a avenida das Airós, no Touro, con Martín e co barrio ribeirense do Monumento multiplicou nas últimas semanas o seu tráfico debido ao feche da rúa Romero Ortiz por mor das obras que nela se realizan e tamén pola entrada en funcionamento da nova comisaría de Policía.

Esa estrada duns 100 metros de longo, está sendo usada polas persoas que acceden á nova comisaría de Policía pero tamén é usada pola veciñanza do Monumento e de Martín para acceder ao centro de Ribeira.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, recibiu a chamada de veciños para que tomasen medidas ante o mal estado de conservación do pavimento no que se poden ver fochancas, carece de sumidoiros ou de sinalización vertical e horizontal. Pérez Barral, lamenta que a mala planificación do goberno local á hora de realizar as obras que afectan ao tráfico supoñan importantes molestias para a veciñanza por non habilitar alternativas para a boa circulación do tráfico.

Así pois, tras escoitar as demandas trasladadas pola veciñanza, o BNG rexistrou unha iniciativa na que lle pide ao goberno local unha actuación dilixente para arranxar de maneira integral a estrada que une O Touro con Martín para que sexa máis segura tanto para peóns como para vehículos.